sexta-feira, fevereiro 28, 2014

Falemos de linguas

O venres pasado celebrouse o Día Internacional da Lingua Materna e esta semana na Rota estamos de estrea cunha nova exposición que quere render homenaxe a ese tesouro de valor incalculábel que son as linguas do mundo. Así que non podía haber un pretexto mellor para que hoxe este post estea escrito en galego, a miña fala materna, porque a mellor homenaxe que se lle pode facer a un idioma é utilizalo. Dito isto, e agora que quedou claro que non toleei e que o meu portugués non está a derivar cara á extravagancia nin cara ao castelán, falemos de linguas, das nosas linguas, de dúas das linguas máis fermosas de toda Europa: o galego e o letón.




Aparentemente, Galicia e Letonia son dous lugares que non teñen moito en común. Aparentemente. Porque máis alá das evidentes características xeográficas e antropolóxicas que distancian a letóns e galegos, hai unha morea de cousas que nos unen máis do que cabería agardar. Galicia, ese recunchiño de España onde nin vai calor nin se baila flamenco nin se come paella, é un paraíso verde e celta bañado polo océano Atlántico dentro dun Estado do sur de Europa. Letonia, un recantiño tamén verde no nordés do continente, é un Estado independente da Unión Soviética dende 1991 que anda á procura de reafirmar o seu lugar no mundo. E é esta busca dunha identidade propia fronte á influencia dunha cultura externa algo que nos une poderosamente sen nós sabelo. E é precisamente aí onde a nosa lingua materna xoga un papel determinante, na medida en que é a fala o que distingue e coloca no mundo a 2.765.940 galegos e 2.003.900 letóns cunha firme vontade de estar aí, así, como galegos e como letóns. 

As nosas linguas, aínda con seren tan diferentes en tódolos aspectos, comparten unha situación con moitas semellanzas e paralelismos. O galego é unha lingua maioritaria en Galicia porque é utilizado habitualmente por unha gran parte da poboación (779.297 persoas en 2008),  mais minorizada pola presión e a ameaza exercidas polo castelán e, sobre todo, pola crenza de ter unha importancia menor que o idioma do Estado que se arraigou ao longo do tempo tamén entre os propios galegos e galegas. Os corenta anos de ditadura franquista só contribuiron para empeorar unhas circunstancias de partida moito desfavorábeis para o noso idioma que as políticas dos últimos anos tampouco están axudando a  mellorar. A perda de galegofalantes é unha constante, e o empobrecemento nas accións de protección do galego fronte ao castelán é cada vez maior e máis preocupante. En Letonia, o letón é a lingua materna de preto do 60% da poboación, o que o convirte no idioma maioritario do Estado. A  variedade étnica en Letonia é moito máis ampla que en Galicia, como resultado da inmigración masiva da posguerra que resultou nunha disminución considerábel dos indíxenas letóns e dun aumento da presenza de cidadáns rusos no país. Isto desembocou nunha minoración dos dereitos lingüísticos do letón, cuxas funcións sociolingüísticas foron restrinxidas en beneficio do ruso. Así, este idioma exerce unha forte presión sobre o letón até o punto de que no ano 2012 xurdiu a posibilidade (finalmente rexeitada en referendo) de que se convertese na segunda lingua oficial do Estado. Tanto nun caso como noutro, hai, pois, unha ameaza constante dun idioma externo máis forte que pon en perigo a supervivencia desas linguas, das nosas linguas. O paradoxo nestes dous casos e na maior parte dos casos en que unha lingua é minorizada no seu propio territorio está en que iso que provoca a ameaza pouco ou nada ten que ver coa identidade dos falantes das linguas ameazadas.

Sen entrar en consideracións xeopolíticas e económicas, que non deberían ser precisas para falarmos de algo tan íntimo como a fala na que nos expresamos, o certo é que a nosa lingua materna vai moito máis alá dunha demarcación xeográfica ou da pertenza ou non a un Estado determinado. É o que nos define, o que fai de nós o que somos e o que nos fai tomar consciencia do lugar que ocupamos no mundo. E digo isto porque mesmo a pesar de ter sido educada en español considero que o galego é a miña lingua nai. É, simplemente, a miña lingua, do mesmo xeito que para moitos letóns como Agnese, que teñen que lidar no seu propio país con un idioma que nada ten que ver con eles, o letón é a súa lingua, é quen eles son.

A lingua é nosa, perténcenos, pero é o noso deber utilizala, enriquecela, mimala, amala e tamén compartila. Por iso queremos que coñezades un pouquiño mellor iso que nós somos a través dunha mostra da beleza que as nosas linguas e a nosa cultura esconden. E se aínda así ficades con vontade de saber un pouco máis sobre o letón ou o galego, só tedes que aparecer na Rota Jovem. Esperamos por vós.





@ arrotante do momento!:
ELENA Dizem os que a conhecem que a Elena é obcecada e inquieta, mas também entusiasta e perfeccionista. Ela, que também se conhece um bocadinho, diz que é, sobretudo, curiosa. É por isso que gosta de espreitar, de escrever, de experimentar. É por isso que adora cinema, leitura, viagens. E, se calhar, é também por isso que é voluntária, porque há poucas maneiras melhores para descobrir e pôr-se a prova do que isso.

Sem comentários: